luns, 28 de decembro de 2015

Panxoliñas


Outro ano máis, e van seis, as panxoliñas interpretadas polas Corais de Lugo inundarán as rúas da cidade durante o Nadal, desde a Praza do Campo até a Rúa da Raíña, pasando polo fondo da Praza Maior, a Rúa San Marcos, a Praza de Santo Domingo, o Mercado de Quiroga Ballesteros ou as Rúas do Bispo Aguirre de San Pedro e do Progreso. Así, o Centro da Cidade será un ano máis o mellor escenario para gozarmos do bo facer duns Grupos Corais, en total once, que van colaborar para que estas datas sexan un pouco máis entrañables.

O martes,  29 de decembro, desde as 20.00 horas, cantará o Orfeón Lucense na Praza Maior, Praza do Campo e Raíña.

xoves, 10 de decembro de 2015

Apertura da Porta da Misericordia

O Orfeón Lucense participará o próximo domingo (III de Advento) nos actos da apertura da Porta da Misericordia da Catedral de Lugo. A cerimonia aparece descrita no número 263 do boletín de información diocesana A Nosa Voz da seguinte maneira:


A celebración será o día 13 de decembro e articúlase en cinco momentos:
1. A statio. Na igrexa dos Padres Franciscanos (Lugo) ten lugar ás 18:30h o saúdo e a monición inicial, a proclamación do Evanxeo e a lectura da parte inicial da Bula de convocación Misericordiae Vultus
2. A procesión, na que se dá gran relevancia ao libro dos Evanxeos: levado polo diácono, é signo de Cristo que camiña diante do seu pobo 
3. A apertura da Porta da Misericordia. A entrada na Catedral ten lugar a través da porta que na fachada principal dá acceso á capela de San Froilán. O Bispo detense e con el toda a procesión; a parada implica, ademais, a apertura da porta e a ostensión solemne do libro dos Evanxeos, palabra de misericordia, primeiro cara ao exterior, logo cara ao interior da Catedral e o canto da antífona «Eu son a porta». O Bispo, levando o libro dos Evanxeos, cos concelebrantes e os ministros diríxese procesionalmente cara ao altar maior. 
4. Memoria do Bautismo 
5. Celebración da Eucaristía

mércores, 9 de decembro de 2015

Concerto en S. Francisco Xavier


O Orfeón Lucense durante o concerto da campaña solidaria Polifonía por Kilos na igrexa de S. Francisco Xavier.
O repertorio interpretado foi o seguinte: La flor, Gabriel's oboe, Compañeira, Cando vexas, Nació nació pastores, Ya viene la vieja e Chiquirritín.

sábado, 5 de decembro de 2015

Cartel

Estamos preparando con moita ilusión o Concerto de Nadal que, como xa é tradición, terá lugar na Catedral de Lugo o próximo día 19 de decembro.
De momento, xa temos cartel; é obra de Sara Cruz, e é orixinal e moi fermoso. Pronto estará á vista de  todos en tantos e tantos escaparates da cidade, lembrando esta cita anual en que o Orfeón Lucense felicita as pascuas á cidade da que forma parte.