sábado, 29 de abril de 2017
venres, 28 de abril de 2017
Lido onte, xoves, por Onda Cero
Hoxe vou contar unha pequena historia, que ten relación con Lugo e os lucenses, dun xeito espiritual, entrañable, humano.
Houbo unha lucense, Marta Blanco Rubio, que viviu en Lugo moitos anos, e en 1985 foi vivir a Don Benito, en Badajoz. No 1995, entrou a formar parte da Agrupacion Coral don Benito, pola súa querencia pola música, e foi compoñente desta agrupación ata a súa morte o pasado 15 de decembro.
Marta tíñalles falado tanto aos seus compañeiros da Coral da cidade de Lugo, que os componentes desta Agrupación quixeron vir cantar a Lugo en homenaxe á compañeira desaparecida, e para traer á nosa cidade unha mensaxe de amizade musical e de relación humana da que Marta fixo gala durante toda a súa vida.
Marta era filla da Carlos Blanco Martinez de Velasco, que foi fundador do Rocho Musical que durante moitos anos funcionou no Círculo das Artes, así como tamén promotor da Filarmónica Lucense. Xa de pequena, actuou en Lugo co Rocho musical. E logo foi durante vinteun anos embaixadora lucense en Don Benito, formando parte da súa Agrupación Coral. Morreu aos 77 anos; e 25 días despois morreu o seu home, José Miguel Plantón Meilán, tamén lucense, e que tamén formaba parte do Rocho musical.
Para esta homenaxe na nosa cidade, o Coro de Don Benito púxose en contacto co Orfeón Lucense, para que o acompañase como anfitrión nunha actuación que o conxunto lucense lle está organizando para este sábado, ás 8,30 do serán, na igrexa de A Nova. A esta homenaxe musical acudirán familiares de Marta Blanco, que viven en Lugo e na Coruña, e poden facelo tamén todos os lucenses que o desexen. E para rematar a súa estadía en Lugo, a Agrupación Coral de Don Benito, o domingo, cantará a misa da unha da tarde na Catedral lucense.
Esta é a historia: Desde don Benito en Badajoz, a súa coral, ven a Lugo, esta fin de semana, para –en homenaxe póstuma- cantar na honra dunha lucense– Marta Blanco Rubio- que, ademáis de compañeira, fíxose amiga, e contaxiolles o seu amor, a súa devoción, pola sua cidade de Lugo, e queren transmitirnos aos lucenses a mensaxe fraterna, musical e humana que a nosa veciña lles deixou.
xoves, 27 de abril de 2017
Programa
Concerto da AGRUPACIÓN CORAL DE DON BENITO (Badajoz) e o
ORFEÓN LUCENSE. Igrexa de A Nova (Lugo). Sábado, 29-4-2017
a partir das 20,30 h.
ORFEÓN LUCENSE
HALLELUJAH Leonard Cohen (Arr. Roger Emerson)
LA FLOR E. M. Torner
Ó RAMA Popular portuguesa (Arr.Adelino Martins)
COMPAÑEIRA Tradicional (Arr. Julio Domínguez)
AGRUPACIÓN CORAL DE DON BENITO
AL SHLOSHA D´VARIM Allan E. Naplan
AVE MARÍA William Gómez
MAMMA MÍA Abba
TRES NANAS CÁNTABRAS Javier Busto
POH HAPPY DAY Spiritual negro
SING! (¡CANTAR!) Jay althouse
EL REDOBLE Trad. Extremadura
martes, 25 de abril de 2017
Cantamos coa Coral de Don Benito
O Orfeón Lucense será o próximo sábado, día 29, anfitrión da Coral de Don Benito (Badajoz), e xuntas ofrecerán un concerto ás oito e media do serán, na igrexa lucense de A Nova.
A Agrupación Coral de Don Benito tivo entre os seus componentes á lucense Marta Blanco, e despois do pasamento desta, a agrupación quixo render homenaxe á súa memoria vindo cantar á capital lucense, poñéndose en contacto co Orfeón Lucense para que colaborase nesta iniciativa.
En homenaxe, pois, á falecida Marta Blanco, as dúas agrupacións ofrecerán un concerto de música coral na igrexa de A Nova, con entrada libre, ao que asistirán familiares da homenaxeada, residentes en Lugo e A Coruña.
Despois deste concerto, e para culminar a súa actuación na capital lucense, a Agrupación Coral de Don Benito cantará a misa da unha da tarde do domingo, día trinta, na Catedral lucense.
sábado, 15 de abril de 2017
Adeus
Estamos conmovidos e moi impresionados.
O noso compañeiro Luis Vázquez Muñiz, membro do Orfeón Lucense desde hai máis de 25 anos, faleceu este Venres Santo, no transcurso dunha enfermidade que non deu superado.
Aínda así, o Orfeón cantou onte a Paixón, vai cantar hoxe a Vixilia Pascual, e cantará mañá a Misa de Pascua, porque a vida segue e Luis así o querería.
O funeral será o luns, 17 de abril, ás 5 da tarde na parroquial de San Francisco Xavier.
Desde aquí enviamos á súa esposa, Pilar, e ás súas fillas todo o noso cariño.
Ata sempre, Luis.
xoves, 13 de abril de 2017
mércores, 12 de abril de 2017
sábado, 8 de abril de 2017
domingo, 2 de abril de 2017
Pregón
Aquí van algunhas fotos da actuación do Orfeón Lucense durante o Pregón da Semana Santa na Nova, o pasado 31 de marzo.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)